TL;DR

O enlace: typer-gal

Open source

Fai uns días atopei unha aplicación moi chula, typer, e iso que os xogos de escribir non son o meu. O interesante desta app web é o seu deseño simple pero sobre todo que é de código aberto ou open source. Isto significa que, a grosso modo, podes non só ver o código senón modificalo ao gusto, que foi o que fixen eu.

Modificacións

A idea era ben simple, partindo da base en inglés, adaptala para empregar palabras en galego. O que cambiei do deseño foi pouco, só engadín un par de botóns para cambiar entre a versión isolacionista e a reintegracionista, así está ao gusto de todos. Fóra diso, pasei dos 10 segundos para escribir da orixinal á 15 xa que moitas das palabras son máis longas.
Como é código aberto invítovos a pasarvos polo repo, tanto da miña versión como da do creador orixinal. Se o vedes, xa vos aviso de que o código está daquela maneira, non me dou moito xeito co javascript.

As palabras

Actualmente o xogo ten todas as palabras, tanto do dicionario da RAG como do Estraviz. Algo de limpeza de repetidos ou expresións feitas moi longas si que fixen, pero non moito. Isto pode supoñer un problema se o queredes usar con pícaros xa que pode ser que aparezan palabras mal soantes, no futuro sería interesante facer unha versión simplificada.
Para obter as palabras usei os sitemaps do dicionario Estraviz que fixeron moi fácil crear unha lista de palabras. O dicionario da RAG resistiuse un pouco máis, tiven que recorrer a súa app móbil. Nesta atópase unha base de datos con todos os termos. Cabe destacar que a versión da app non é moi recente (2018) polo que algunhas das últimas palabras engadidas, como o famoso gromo, faltarán.