Dirt Rally

O Dirt Rally é un xogo que xa levaba tempo no mercado cando o conseguín, de feito solo o teño porque o deron gratis un tempo en steam. Cando o probei encantoume, amor a primeira vista, e iso que pensaba que iba ser moi hardcore para min. A cousa é que obviamente non ten copiloto en galego. Si o ten en portugués do Brasil, que pode ser un valer, pero a verdade e que a min acábame costando entender calquera copiloto e non viña mal algo que fora máis simple. Con isto, facer un copiloto en galego foi o meu proxecto “procastínico” dos exames do segundo cuadrimestre, circa xuño.

A voz

A miña primeira idea, e eu creo que a de moitos tamén, foi a icónica voz de Luís Iglesia do dicionario da RAG. Palabras claras, segmentadas e dispoñibles. Esta elección ten algúns problemas que se farán obvios máis adiante pero foi a que usei. ¯\(ツ)

Os medios

Investigando atopei varias formas de cambiar a voz do copiloto sendo a que eu considero máis fácil e mellor o programa DiRTy Pacenotes de Palo Samo. Este programa simplifica enormemente o traballo que sería cambiar todos os arquivos dun idioma por outros con toda as complicacións extra de tamaños de arquivo e demais que iso implica.

O mellor deste software é que é gratuíto e pódenselle engadir voces de forma fácil para crear as túas propias notas de copiloto. Unha vez baixado o programa só teredes qeu baixar o arquivo comprimido coa voz en galego e descomprilo na carpeta co-drivers dentro da carpeta do propio DiRTy Pacenotes, con isto o programa xa poderá detectalo e usalo.

As notas

O meu obxectivo con este proxecto era crear unha base para que cada persoa a adapte ás súas necesidades. Por exemplo, a min gústame as notas relativamente cedo e simples, aínda que me perda información. A outras persoas igual lles gusta máis outras máis detalladas, con outro estilo, etc. Desta forma as seguintes seccións están un pouco enfocadas á personalización da base que vos proporciono para que cada faga como prefira.

Obtendo os arquivos de voz

A pesar de que no paquete que vos proporciono van suficientes palabras para facer unhas notas mínimas, sempre é bo expandir. Vamos usar un exemplo realista, incluír a palabra rasante que se me quedou fóra do paquete.

Para conseguir os arquivos temos dúas opcións. A primeira, algo máis fácil, implica buscar a palabra que necesitemos na web do ILG: http://ilg.usc.es/pronuncia/ Unha vez atopada a palabra podemos, simplemente, facer clic dereito no botón de play e logo en gardar enlace como, que nos dará a opción de gardalo como arquivo de son.
Gardando o arquivo de son dende o ILG

Na outra forma, empezariamos primeiro por atopar a palabra no dicionario da RAG. Unha vez na páxina podemos constatar que ten un arquivo de pronuncia se facemos clic na icona do altofalante. Como podemos obter logo o arquivo de son desta páxina? Mediante o o inspector de elementos incluído na maioría dos buscadores, i.e chrome, firefox, safari, etc. Unha forma fácil é facer control+shift+c e logo facer clic na icona do altofalante. Isto levaranos directamente á liña de código co arquivo de son. Outra opción e abrir directamente o inspector de elementos, habitualmente con f12, e procurar a clase button-audio mediante control+f.

Unha vez atopada a liña deberiamos poder ver algo coma isto:
Gardando o arquivo de son dende a RAG
Se copiamos o enlace que aí aparece, neste caso http://ilg.usc.es/pronuncia/mp3/r/417.mp3 poderemos acceder directamente ao arquivo de son e gardalo co nome que queiramos.

Incluír o arquivo de son

Co arquivo de son xa descargado, podemos simplemente incluílo na carpeta sounds dentro da de LuisIglesia ou facer algo de procesamento sobre el, que foi o que fixen eu. Como estes arquivos son para a pronuncia, teñen bastante tempo ao principio e ao final de silencio e son algo lentos. O que se pode facer é modificar un por un cada arquivo en audacity por exemplo que dará moi bos resultados. O que fixen eu foi usar un script para modificalos todos de vez, que aínda que de resultados algo peores e menos homoxéneos é moito máis rápido. Co seguinte script de python acortei os arquivos a, mais ou menos, só a parte falada, para facelos máis dinámicos. Deixo o script en cuestión a continuación:

Unha vez incluído o arquivo na carpeta de sounds, deberemos modificar o arquivo sounds.csv para incluílo e, desta forma, o programa xa o ten dispoñible para poder crearmos as nosas notas! Cabe destacar que, dentro do propio programa, deberemos seleccionar o copiloto que queiramos, xa que o que trae por defecto é o creado polo autor, en polaco.

Uso

O programa require dun par de cambios na configuración dos xogos, o máis relevante é cambiar un arquivo de configuración para que expulse datos por UDP, que é o que lle permite funcionar. Para isto remítovos ao titorial do propio Palo Samo que o explica moi ben. De forma similar as notas créanse co programa mentres “exploras” o tramo no dirt, tal e como especifica o autor. O programa ten, tamén, diversas opcións sobre como de cedo dicir as notas. As que creei eu, para o meu gusto, funcionan mellor en recce xa que as creei algo axustadas demais.

Arquivos

Como xa dixen proporciónovos unha base razoable para empezar a crear as vosas notas. Ademais, incluín unhas notas para o tramo de Pant Mawr en Gales.

Descarga os arquivos


Pequena demonstración:

(Aínda me levou unhas cantas tomas falsas non estoupar o coche contra algunha árbore, pódeme a presión diante das cámaras)

Notas finais

Incluín un arquivo startup no cal o copiloto che fai a conta atrás pero, de momento, no dirt rally 1 non funciona. O copiloto tampouco reacciona a nada do que pase na propia etapa, da igual que piques unha roda ou rebentes o coche, el segue como se foras un ás, isto é unha limitación do programa. Por último cabe dicir que se metín a zoca nalgo mo comentedes e que tentarei cambialo. Os meus agradecementos á emgalego e Xabier polas aclaracións lingüísticas da curva “gancho”.

Conclusións

O resultado creo que non está mal sobre todo se che gustan as frases incongruentes e algo robotizadas. Obviamente isto ten a limitación de que so se pode acceder as palabras que o propio Luís gravou para o dicionario de forma que non temos verbos conxugados nin nada polo estilo. Aínda así penso que o resultado é decente aínda que só sexa para rirse un pouco mentres comes árbores por Gales adiante.